miércoles, 4 de febrero de 2015

Presentación de "La traducción de la anarquía" en Ourense

O sábado 7 de Febreiro, o escritor neoiorquino Mark Bray presenta o seu libro La traducción de la anarquía. El anarquismo en Occupy Wall Street en Ourense. Inmerso nunha xira que o levou a percorrer grande parte da Península e a maioría de centros sociais galegos, poderedes velo na Kasa Negra, a partir das 19:30 horas. Como é habitual, ao remate da charla, ofrecemos un ceador vegano.
Editado por Volapük e con prólogo a cargo de Carlos Taibo, o libro recolle máis de 200 entrevistas aos protagonistas dun movemento popular que se xestou na cidade de Nova York en setembro de 2011. Bray, que foi un dos protagonistas activos das mobilizacións, relatará as motivacións, tácticas, proxeccións e contradicións dun movemento que, afirma, puxo en marcha prácticas “xenuinamente libertarias”.
Destacando o notable protagonismo de militantes anarquistas en Occupy Wall Street, Bray falará de conceptos como a democracia directa, o apoio mutuo, a acción directa, a autoxestión ou o rexeitamento ao parlamentarismo. Realizarase, amais, un repaso do ideario anarquista relacionándoo cos debates que se deron nas rúas da urbe norteamericana en temas como a atención aos medios, a horizontalidade na toma de decisión, o uso da violencia ou o racismo.
Mark Bray colaborou nos grupos de prensa e acción directa de Occupy Wall Street. Na actualidade, forma parte da Federación Anarquista Rosa Negra e o sindicato IWW. Tamén, está a finalizar o Doutorado en Historia na Universidade Rutgers, estudando o anarquismo, a súa propaganda e a represión que sufriu no estado español a finais do século XIX. 

Deixamos aquí un listado dos centros sociais nos que se desenvolverá a xira galega de Mark Bray:
-Martes 3, Ateneo A Engranaxe (Lugo): 20 horas
-Mércores 4, CSA do Sar (Compostela)
-Xoves 5, A Quinta da Carminha (Vigo)
-Venres 6 CS O Fuscalho (A Guarda): 20 horas
-Sábado 7, CSO A Kasa Negra (Ourense): 19:30 horas.

La traducción de la anarquía. El anarquismo en Occupy Wall Stree
Autor: Mark Bray, con prólogo de Carlos Taibo
Volapük Ediciones, Guadalajara 2015
496 páxinas, 13 x 20 cms.
978-84-940852-5-3
16 euros

 https://akasanegra.wordpress.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario